Home

Advertisement

Customize

il dolce far niente

Jun. 25th, 2008

04:10 pm - "Fortunato de Trasmundi", Darío Xohán Cabana (1990)

Fortunato é un habitante do país fantástico de Trasmundi. Formado polas Sete Parroquias, sitúase ó leste da provincia de Lugo, e está habitado por uns seres de mediana estatura (en relación cos humanos), de orellas afiadas. O país está oculto polos feitizos dos seus habitantes.

Desde hai sete anos vense celebrando un campionato de fútbol entre equipos das sete parroquias, quedando sempre gañador o equipo de Cuspedriños de Baixo (formado por mulleres) e subcampión o equipo de Cuspedriños de Riba (formado por homes). Fortunato, capitán e porteiro do equipo subcampión, decide saír a Fóra, o mundo exterior, e fichar a conxéneres seus de toda Galiza para gañar o campionato. Fortunato é o fillo do rei de Trasmundi (elexido democraticamente), e en parte, quere gañar o campionato porque lle gusta Hermelinda, a capitana do equipo rival, pero non quere declararlle o seu amor mentras siga derrotado deportivamente.

Acompañado de Crisóstomo Bocadouro, pasan por Lugo, Compostela, Vigo, Tui, Monção, Allariz e Ourense. Alí coñecen a personaxes reais e de ficción (como Ramón Lamote). Coñecen o mundo humano (montando en autobús e participando nunha manifestación o primeiro de maio), mantendo a súa identidade real oculta.

Finalmente, malia regresar con varias fichaxes, leva unha gran sorpresa cando lle din que o campionato de fútbol queda suspendido, e que en diante se celebrará un campionato de billarda.

Ten certas similitudes co Hobbit de J.R.R. Tolkien. Os protagonistas son seres medianos de orellas afiadas, cunha economía agrícola e gandeira de subsistencia, lonxe da técnica industrial, que gustan do bo comer e bo beber. O protagonista fai unha viaxe de ida e volta, onde vai coñecendo mundo.

Porén, nesta obra o autor aproveita para falar da historia e socioloxía de Galiza. Desde a chegada de Almanzor a Compostela, a evolución da lingua galega, ou a pesca nas illas Malvinas, faise unha revisión da situación dos galegos, cunha crítica chea de retranca.

Jun. 6th, 2008

Jun. 4th, 2008

Jun. 3rd, 2008

Jun. 1st, 2008

May. 31st, 2008

02:33 pm - Ultranoite de John Balan


“Bienvenido seas, Bienvenido no pudo venir”.
Gran homenaxe ó gran comedor de fanecas, por parte de Miguel de Lira, Manuel Cortés, Patricia de Lorenzo, Xron, Víctor Mosqueira, Mónica García, Pepa Yáñez, Iria Pinheiro, Os da Ría, Xacobe Martínez, Max Gómez, Marcelino Galán, Pablo Castaño, e Combo Roxo.

unhá ácida crítica da sociedade, moi actual (Chiki chiki, Risto Meijide, Yolanda Castaño, mesmo ó seu amigo Wladimir Dragosán). Cancións, atracos, letura dramatizada das súas obras completas, e por suposto, unha porta. Todo foi moi divertido, e sempre desde desde o maior aprezo, resultando unha homenaxe moi sentimental.

Gran papel de Víctor Mosqueira, disfrazado del e tocando "Angelitos negros" na porta. Aparte dese tema e dun pasodoble cantado por unha rapaza, non houbo máis homenaxes ó multiinstrumentismo oral, pero hai que recoñecer que é unha faceta moi complicada.

May. 27th, 2008

02:37 am - "O crime da rúa da Moeda Vella", Román Raña (1989)


Leopoldo é un violinista de 22 anos que vive en Compostela coa súa irmá de 17. Son orfos de pai, e a súa nai vive en Suíza.

Tras un concerto coñece a Sergei Nuridin, un mestre soviético do violín, que lle cede o seu Stradivarius durante uns días. Pero, tras levar o instrumento a un exame do conservatorio, róubanllo, e debe recuperalo sen que Sergei se decate.

Malia que contacta cun rapaz que coñece todo canto movemento ilegal existe na cidade, é o mozo da rapaza que llo roubou (ámbolos dous son heroinómanos) o que contacta con el para devolverllo tras un pago de 20.000 pesetas.

Pero tras varios contratempos, vai descobrendo datos dos seus pais. El e a súa irmá son ingresados no hospital, pero Leopoldo só busca vingarse dos que os danaron, sen preocuparse xa polos violíns e polo seu futuro.

Leopoldo é un antiheroe. Non busca problemas, non quere usar a violencia, pero mercede á súa intelixencia, consegue recursos para ir solventando as contrariedades, ata que se ve superado e decide que, xa que o mundo é máis forte cá el, non vai loitar máis.

May. 21st, 2008

09:25 pm - "O bosque de Levas", Alfonso Álvarez Cáccamo (2002)


Conta a historia de Marcelo de Salas Gutiérrez de la Cruz, un madrileño, de profesor impresor, asasinado no garrote vil en 1832, ó ser considerado afrancesado e liberal, contrario ás ideas absolutistas e partidarias do rei Fernando VII.

Marcelo, ó morrer no garrote e non fusilado, como correspondería polos seus delictos, converteuse nun espectro. Conserva o corpo e a alma, pero consérvase nas tenebras.

A trama ten lugar entre 1996 e o entroido de 1997. Marcelo xa levaba tempo instalado na casa do narrador, Alberte, que vive coa súa muller e tres fillos adolescentes. Ata que decide mostrarse para solicitarlle axuda.

Tras moitos diálogos, algunha excursión e algunha discusión, Marcelo, que sente devoción por moitos dos inventos do século XX, pero especialmente polo automóbil, ten un accidente co Citroën de Alberte, tralo que pasa unha época sen aparecer. Tras escoitar o himno de Riego aparece de novo, e Alberte decídese a axudalo definitivamente. Cun compañeiro de traballo, organiza un xuízo no que se acusa a Marcelo de liberal e traidor á Patria, sendo condenado a ser fusilado.

A trama desenvólvese en gran parte na casa de Alberte (posiblemente un alter ego do escritor), en Panxón, con visitas ó Baixo Miño, a Tui e mesmo a Portugal.

Narrado en primeira persoa, describe sobre todo os sentimentos e reaccións de Alberte, pero tamén fala das sensacións de Lucía, a súa muller, e dos seus fillos. Ten moito diálogo con Marcelo, e mesmo unha forte discusión sobor do sentimento centralista dos madrileños.

Pode considerarse unha traxicomedia, pois ten moitos aspectos divertidos, e aínda que acaba cunha morte, acaba ben, pois cúmprese o desexo de Marcelo, se ben a Alberte lle pesará moito a desaparición do seu amigo.

May. 19th, 2008

02:48 pm - "Criminal", Xurxo Borrazás (1994)



Chucho Monteiro volve á súa aldea, na parroquia de Lendo (A Laracha), e lle pide ó seu irmán que lle deixe vivir coa súa familia. Desde diferentes puntos de vista, e con moitas regresións temporais, vai narrando os asasinatos cometidos por Chucho, e analizando a súa situación persoal, as súas teimas e as súas circunstancias.

May. 14th, 2008

09:36 am - "O diario vermello de Flanagan", Andreu Martín e Jaume Ribera (2004)


O diario vermello de Flanagan é un libro escrito no 2003 por Andreu Martín e Jaume Ribera. É o décimo da saga protagonizada polo detective xuvenil Flanagan.

Este libro, parello a O diario vermello de Carlota, de Gemma Lienas, desmárcase do resto da saga. É un libro de divulgación sobre a sexualidade, escrito para adolescentes.


Flanagan coñece na estación do metro a Carlota, e comezan a falar. Carlota dille quevai comezar un diario vermello, onde porá as súas ideas, experiencias e esperanzas sobre a sexualidade. Flanagan decide escribir un el tamén, para ó rematalo intercambialo e comparar dúbidas e aprender xuntos.

Pero a situación sáese de nai, e o que comezara como unha relación marcada por ese eixo, axiña se torna unha relación con forte carga sentimental, cos problemas que iso conleva. Flanagan aínda non rompera a súa relación con Nines, e Carlota tamén está feita un lío, pois lle gusta un rapaz holandés.

Logo de perderen a virxinidade xuntos e de moitos sentimentos contradictorios, rematan como amigos. Flanagan reemprende a relación con Nines.

Máis alá da trama, o libro tamén serve de manual. Fala extensamente de métodos anticonceptivos, tendencias sexuais, enfermidades de transmisión sexual, e da relación entre o sexo e o amor.

A base de enquisas e charlas, vai amosando as opinións de diferentes compañeiros de clase con distintas experiencias. Hai moitos rapaces con pais machistas (o que levou ó fillo ós 15 anos a un prostíbulo para perder a virxinidade, o que lle di á filla que a muller é inferior, ou mesmo o que viola á súa propia filla). Tamén hai moita xente para quen o sexo é tabú, e mesmo algunha outra (as menos...) para quen é algo normal.

Current Music: saras$as music

May. 13th, 2008

03:29 pm - "Els vampirs no creuen en Flanagans", Andreu Martín e Jaume Ribera (2003)


Flanagan, a súa moza Nines e catro máis do grupo de amigos de Nines pasan unha noite de decembro nun piso dela que está en obras. Aproveitan para falar de contos de medo, e Cristian propón ir pasar as festas de Nadal a Floc, unha aldea nos Pirineos onde un asasino en serie, un tolo que se cría vampiro, matou a catro persoas. O Pastor Asustado, como é coñecido o tolo do rapaz, está internado nun sanatorio mental.

Hospédanse no hostal onde se cometeu un dos asasinatos, e Flanagan vese obrigado, para demostrar a súa valentía ante Cristian, a pasar a noite nun castelo onde se supón que habitaba o vampiro. Pero o asasino escapou do sanatorio, e o pánico comeza a cundir entre os turistas hospedados no hostal.

Pero Flanagan descobre que o invento da historia do vampiro e mesmo un asasinato imputado a el, son obra do dono do hostal, que se viu estafado e necesitou matar para conseguir cartos.

Así mesmo, a petición de María Gual, é capaz de desenmascarar a Deep Blue, un rapaz que chateaba coa amiga de Flanagan.

Nesta ocasión, e malia as dúbidas que lle xorden acerca de se lle convén a relación de parella cunha rapaza doutra clase social ben distinta, está moi a gusto con Nines. Non quere facer grandes plans de futuro, pero os aloumiños e apertas son constantes, malia as confusións eternas e os ciúmes imprescindibles.

May. 12th, 2008

09:27 am - "Flanagan, só Flanagan", Andreu Martín e Jaume Ribera (2000)

 

A trama empeza un xoves de xuño. A véspera do exame final de matemáticas, Flanagan está a enterrar un gato. Ó día seguinte Mateo o ameaza con darlle unha paliza, pero á tarde o chama Nines e pasa a fin de semana fóra do barrio. Nines síntese mal e o chama para falar, pero acaban bicándose nun parque, e tras un diálogo confuso, Flanagan vai durmir á estación de trens.

Cando volve o luns a clase, resulta que Mateo está desaparecido, acusado de atracar unha gasoliñeira. O policía do barrio pídelle axuda, e, tras salvarlle a vida, Flanagan e Nines esconden a Mateo nun piso do pai dela.

A semana discorre con líos amorosos a dúas bandas. Flanagan dubida dos seus sentimentos cara Nines, e á vez comparte algún bico con Eva, a moza de Mateo. Mateo intenta seducir a Nines, pero esta o rexeita, aínda que deixa a Flanagan coa dúbida de se pasou algo entre eles.

Finalmente descóbrese que tralo asunto do atraco á gasoliñeira se escondía un político pederasta con moito que ocultar, e que o pai de Mateo tiña tamén moito que esconder.

De novo todo sae a pedir de boca para Flanagan. Os dous casos resoltos. Bastante acción e mesmo varios accidentes perigosos. Logo de que en abril Blanca Online mudara de barrio e deixaran a relación, Flanagan non quere volver á vida de parella, pero acaba caendo, e o relato abre as portas á unha futura relación con Nines.

Logo de traduciren Xavier Rodríguez Baixeras e María Dolores Martínez Torres dous libros da saga cada un, este é o primeiro que traduce Carmen Torres París. Dálle un estilo moi persoal, traducindo tamén os nomes (Branca e Xan no canto de Blanca e Juan que empregaran os anteriores), e empregando expresións e xiros propios do galego, así como adaptando a situación á cultura galega (como Flanagan cantando unha pandeirada).

04:56 am - "Flanagan 007", Andreu Martín e Jaume Ribera (1998)


A trama comeza o martes 14 de abril, xusto despois da Semana Santa. Pili, a irmá de Flanagan, desapareceu. Chamou para dicir que estaba ben e que non chamasen á policía, pero o pai encárgalle a Flanagan que dea con ela.

Pili e o seu mozo viaxaban a Madrid para pagar medio millón de dólares a un señor da guerra somalí, ó sospeitaren que na ONG coa que colaboran hai unha toupa que quere evitar o pago. Os cartos son para ceder a unha chantaxe, pois o somalí ten retido un cargamento de medicamentos dirixido á poboación civil.

Axudado por Bruna, unha rapaza fugada da casa que coñece na estación de trens, e por Niceto, un botones do hotel Plaza de Madrid, consegue rescatar á irmá e desenmascarar unha trama dunha empresa farmacéutica moi poderosa para vender medicamentos en malas condicións.

Nesta ocasión volve a trama con bastante acción, con persecucións, pistolas e participación da policía. Tamén ha situacións delirantes, como un lío coas maletas no hotel ou todo momento no que está o comisario Campuzano. Malia que Flanagan segue a ser parella de Blanca Online, está nunha fase rara, xa despois do forte namoramento, e non só non a añora demasiado, senón que flirtea con Bruna, coa que intercambia algún bico.

May. 10th, 2008

09:23 am - "Flanagan Blues band", Andreu Martín e Jaume Ribera (1997)


A trama discorre entre o sábado 4 de abril e o día 13, luns de Pascua. Flanagan coñece a Oriol Lahoz, detective privado. Ós dous días aparece morto o párroco do barrio, e Oriol Lahoz é detido como principal sospeitoso.

Polo medio están unhas xoias, propiedade da familia Garreta, que a vella matriarca da familia quere entregar a un pobre, o Taqui, ó sentirse culbaple da súa situación. O seu marido convencera ó pai do pobre, que traballaba para el, para que fixese unha sabotaxe na fábrica, pero enganouno e mandou a toda a plantilla ó paro. No entanto irá descubrindo que na trama están involucrados un policía e un anticuario con antecedentes.

Noutro caso paralelo, unha muller encargoulle que lle tirase unha foto ó marido para ter probas de que non seguía a dieta. Para logralo conta coa colaboración de Martina, neta da vella Garreta que está namorada de Oriol Lahoz.

A súa relación con Blanca Online vai ben, pero sofre un ataque de ciúmes, do que aprende que non serven para nada.

Para lograr roubar as xoias da caixa forte do anticuario, a Flanagan non se lle ocorre mellor cousa que facer un concerto no mesmo centro comercial. Vanesa, unha compañeira de clase, canta nun grupo, e a eles se unen Blanca e Marina como bailarinas e Flanagan como cantante. O único tema que tocará a banda, a Flanagan Blues band, é "Suzie-Q", dos Creedence Clearwater Revival.

Esta entrega das leas de Flanagan céntrase menos no crime e é máis cómica, sen moita violencia (agás unha batalla campal no concerto). Como ben explican os autores ó principio, introducen elementos experimentais. Así, o primeiro capítulo é o ultimo por orde cronolóxica. Tamén introducen datos históricos, como a data da Batalla de Lepanto.


Navigate: (Previous 20 Entries)